Debuxanta de paxariños que voan cara a estrelas azuis, texedora de cestos de tesouros, pandereteira aficicionada e gaiteira empeñada.
O meu primeiro can ensinoume que se pode dar sen esperar nada a cambio. Mondoñedo brindoume a oportunidade de subir ás árbores, recoller cágados, facer batallas de bólas de neve. Convivir cunha familia extensa fíxome aprender que a vida e a morte son inseparables.
De nena quixen ser médica, inventora, pianista, escritora de cartas, divisadora de ovnis e monitora de campamentos. Ao longo dos meus primeiros 16 anos de vida desenvolvín estas profesións con éxito desigual. Como monitora empezo a construír a miña visión da infancia.
Estudei Pedagoxía en Santiago e descubrín que se podía exercer de monitora e de directora de tempo libre, máis aló do voluntariado. Formeime para iso e seguín gozando dos campamentos de verán.
Ao finalizar os meus estudos xórdeme a posibilidade de achegarme ao mundo da educación infantil e aí empeza a miña camiñar neste espazo tan pequeno e tan inmenso, que é o do desenvolvemento nos primeiros anos de vida.
Tiven a sorte de dar con grandes profesionais no meu camiño que me acompañaron e orientaron nos primeiros anos e canalizaron o meu desenvolvemento persoal e profesional.
14 Anos de experiencia en educación infantil, titora de nenos de 18 meses a dous anos, e dos grupos de cuarto a sexto de educación infantil en ambas as etapas descubrín que a infancia nos ensina a verdadeira esencia da vida.
Aprendín da infancia para seguir sorprendéndome coas teas de arañas conxeladas, a tentar axudar aos pitos caídos dunha árbore, a estar un intre moi longo dando para comer aos peixes dunha charca, a buscar bechos no chan, a criar unha mantis relixiosa. Aprendín a esperar, a conterme, a respirar, a desculparme, a chorar en público, a falar do que ninguén quere falar.
A música leva na miña vida desde antes de nacer, cantar é unha das miñas formas de expresión. A música tradicional transpórtame moi atrás no tempo e colócame moi preto da terra, gozo con ela e gústame compartila cos nenos e nenas: a percusión coa pandeireta como base rítmica, a infinidade de coplas tradicionais, pero tamén o jazz, a música clásica, o rock. Actualmente sigo aprendendo música tradicional e pedagoxía musical.
Os cans lévanme outra vez á infancia, á alegría de vivir, ao conectar cuns ollos que saben moito de ti. Aos recibimentos sempre alegres, á comprensión máis aló da linguaxe, á compañía silenciosa e tamén á despedida e á dor do adeus.
Que nenas e nenos teñan un can na casa non depende delas ou deles pero deberían de poder atoparse coa posibilidade de convivir con outros seres vivos, animais como nós. A miña formación como técnica experta en intervención asistida con animais pretende ser a porta que una estes dous mundos: o dos cans e a infancia.
A natureza conéctame coa ilusión, a creación, a liberdade, o silencio, o misterio, o inexplorado. A formación en Bosquescola deume as ferramentas para profundar na biopedagoxía e na nova corrente de educación en verde, na que sinto que se debe enmarcar o proxecto que agora inicio.
Infancia, música, cans, natureza e pedagoxía conflúen na miña para iniciar un proxecto tan pequeno que caiba na man dun neno e tan grande como a nai terra que o acolle.
Nenea é a árbore que afianza as raíces na terra, para crecer nutrido pola vida.