O proxecto

A nosa mirada pedagóxica

O proxecto afiánzase fortemente nunha concepción da educación que posibilita o desenvolvemento do propio Ser, ao mesmo tempo que se convida a conquistar o mundo que lles rodea, respectando as forzas interiores de cada neno e nena.

Para iso situámonos nunha actitude de escoita, buscamos o benestar, coidamos a estética e a poética das nosas experiencias de Vida, coeducamos conectadas coa biodiversidade do noso medio natural e social e abrímolo á participación das familias.

Desenvolvemos, no noso modelo pedagóxico, aqueles lugares comúns que atravesan todas as experiencias educativas que admiramos (Escolas na Natureza, Reggio Emilia, Montessori, Waldorf…) recollendo de todas elas o respecto á sabedoría propia da infancia, o seu potencial creador e o seu desexo de conquistar e entender o mundo con autonomía.

Desde a nosa experiencia profesional e formación, reflexionamos sobre que aspectos achegan todas as pedagoxías activas que nos interesan, reconstruímolas e redefinimos, perfilando unha novo macro mundo educativo.

Somos…

Un equipo de educadoras que comparten o desexo de ofrecer un espazo respectuoso cos procesos interiores de nenos e nenas, a través dunha conexión directa coa Natureza e a arte.

Inspiradas en modelos pedagóxicos baseados no respecto á autonomía e na educación activa, o proxecto atopou un espazo ideal na Escola Unitaria de San Xoan do Alto, Lugo, que ofrece con xenerosidade o necesario para medrar creando.

Pero somos moitos e moitas máis. Toda unha rede de sensibilidades que perseguimos o mesmo, ese lugar no que crecer tamén en liberdade, acompañando ao ser profundo de cada neno e nena.

Pensamos…

Que existen dous aspectos fundamentais que a infancia necesita para desenvolverse en harmonía: Arte e Natureza.

Estes elementos deben estar e formar parte do desenvolvemento da persoa desde o nacemento. Somos seres naturais e necesitamos estar en contacto coa Natureza de forma directa, para descubrila, para comprender os seus ciclos, o paso do tempo, a vida e tamén a morte. Nenos e nenas buscan respostas na súa relación coa natureza. Respostas a interrogantes persoais e únicos, pero tamén grandes e universais. Posibilitando ese vínculo co contexto natural, liberamos á nosa infancia do destino de ser presa no asfalto. Convidámolos a que exploren, a que se pregunten, interpelen ou se cuestionen.

Variedade, cantidade, recursos ilimitados. Cada día é diferente e o que deixamos un día atopámonolo cambiado á mañá seguinte. Iso é a vida, o discorrer do tempo e a maxia da natureza. Ese contacto conecta a cada nena ou neno coa súa esencia máis profunda. Aínda non perderon a súa conexión biolóxica e o feito de manterse en contacto coa terra proporciónalles seguridade e calma.

En Nenea sentimos que a arte é unha linguaxe imprescindible no crecemento de nenos e nenas. A creación artística, en todas as súas manifestacións, posúe a virtude da implicación afectiva, a aprendizaxe participativa e representa o triunfo da vida dos sentimentos e a imaxinación. Chega a mobilizar emocións a través das situacións que se desencadean a través dela. Propicia espazos de colaboración, compromiso e aprendizaxe ideais para que afloren con liberdade esas emocións, e que se comprometan co proxecto que leva a cabo.

Queremos…

Crear novos modelos de convivencia e de respecto profundo á Vida en todas as súas manifestacións. Unha convivencia máis humana e empática, máis inclusiva, equitativa e amorosa. Por iso propoñemos unha educación integral de seres diversos e libres para decidir a través da coeducación como ferramenta transversal. Educar é “pensar existencias”, por iso, queremos favorecer a autorreflexión, a autonomía e o empoderamento, individual e social, máis aló dos roles e estereotipos de xénero que nos limitan e encorsetan.

Tomamos…

A riqueza que nos brinda a natureza e o noso medio natural para permitir a conexión entre a forza interior das persoas (maiores ou pequenas) e o bosque. Tomamos as pedras, os paus, as follas, as pingas do orballo da mañá, para abrirnos e aprender en comunidade, familias, cómplices, nenos e nenas. Tomamos todo iso con gratitude e devolvémolo transformado. Do mesmo xeito, nós transformámonos a cada paso, en cada xogo, en cada canción, poema ou en cada liña trazada.

Ofrecemos…

Un espazo vivencial e de aprendizaxe (non institucional) no que nenos, nenas e persoas de diferentes idades e intereses, atopen outra forma de facer, pensar e aprender.

Para que todas as persoas que queiran formar parte desta comunidade atopen o seu lugar de participación organizamos as seguintes propostas:

• Actividade diaria con nenos e nenas de 3 a 6 anos na Escola Unitaria de San Xoan do Alto, Lugo.
• Cursos, charlas e formación propias e en colaboración con asociacións irmás como a Asociación Nacional EDNA de Educación na Natureza, e con organismos oficiais como a Facultade de Formación do Profesorado e a Facultade de Veterinaria de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela).
• Obradoiros, charlas e actividades de fin de semana para familias.
• Can-pamento Nenea. Actividades de verán e Semana Santa con intervencións asistidas con animais.

E contamos con Duna, a nosa coeducadora canina

En Nenea queremos manter aos nenos e nenas conectados coa contorna natural. Por iso pasamos parte da xornada en contacto coa natureza pero tamén coa vida. A nosa cadela Duna actuará como conectora do mundo animal co mundo humano.

Duna, en Nenea é unha acompañante de vida. Participa en participa en actividades específicas, no recibimento á primeira hora da mañá, na camiñada do día. Acompáñanos ao longo das tarefas de vida cotiá da escola activa. Ten os seus momentos de descanso, nenos e nenas preparan a súa comida, a asean cando é necesario, participan dos seus coidados, están presentes cando vén o/a veterinario/a.