Medrar creando

Fins de semana en familia

Para educar a un neno fai falta a tribo enteira.
Proverbio africano

En Nenea queremos crear unha comunidade educativa, na que formemos parte dun todo, dunha tribo. Por iso necesitamos coñecervos e convidámosvos a que nos coñezades, queremos crecer creando xuntos. Desta necesidade xorde a idea de organizar encontros en familia nos cales vivimos e compartimos o fin de semana en contacto coa natureza.

Nenos e nenas correteando, xogando con paus, saltando nos charcos, pintando nas pedras ou recollendo piñas…

Cantamos, contamos contos, subimos, arrastrámonos, coñecemos plantas, follas, nomes difíciles e lendas máxicas.

Os maiores axudan aos pequenos e ensínannos a súa xenerosidade, os pequenos participan co seu ritmo, ensínannos a calma.

Como funcionan os fins de semana en familia?

Facemos encontros puntuais dos que informamos con tempo suficiente para que fagades un oco na vosa axenda.

Nestes encontros queremos pasar unha xornada compartindo vida, experiencias, arte, maxia e moita natureza.

Construción de cabanas, elaboración de teares naturais, apócemas máxicas, xogos cooperativos, cancións, contacontos, creacións plásticas… son algunhas das propostas que nós vos expomos e estamos a desexar recibir as vosas.

Os encontros realízanse o domingo durante todo o día e adaptamos o noso horario a cada estación.