Duna

curriculum_duna

Duna. Bergondo, 2015

Nacín moi preto do mar, nunha casa chea de agarimo e respecto na que Anuska púxome de nome Jane da Lavandeira de Bergondo, ela foi a primeira persoa en coñecerme, á miña e ás miñas tres irmás,  e velou polo noso desenvolvemento con gran delicadeza. Os meus primeiros días paseinos entre sabas, mantiñas, cueiros e calorciño, e pouco a pouco empecei a coñecer o gran mundo que me esperaba. Sons suaves, pouquiño a pouco máis fortes facían que me fose afacendo ao que ía vir, un mundo cheo de estímulos no que me movería como peixe na auga.

A miña mamá Lola (así a chaman en casa, o seu nome é Doura da Lavandeira de Bergondo) xa tivo unha bonita historia como terapeuta familiar durante un tempo, logo en Bergondo seguiu sendo unha cadela xoguetona e feliz, á vez que disciplinada e fermosa. Así que a elixiron para participar na película O Descoñecido na que actuou xunto a grandes actores nacionais.

O meu papá un fermoso labrador negro, Icon Style Kawasaki, si, si, el é negro e eu así, dourada como a area. Niso parézome a mamá.

Agora empezará a miña nova historia como coeducadora canina. Formando parte do equipo Nenea, medrar creando. Por iso tantos desvelos, tantos coidados ata agora, porque son unha cadela especial, nacida nun lugar especial e tratada con esmero xa que me buscaron para unha función moi delicada. Traballar cos máis pequenos.

Por iso o equipo Nenea agradece o seu esforzo e dedicación a Anuska, o corazón do núcleo familiar no que nace nosa peque Duna, a Lavandeira de Bergondo. Dicimos núcleo familiar, porque é moito máis que un criadeiro, é un lugar no que se respira agarimo e respecto, coidado e dedicación, calor humana e profesionalidade. No que se preocupan especialmente do benestar da súa familia peluda, de coidar que o seu carácter sexa especial, que se críen seguindo as pautas máis estritas de estimulación progresiva e coidados físicos. Por todo iso temos a esta xoia connosco.