Carmen

equipo_carmen

Carmen Fuenteseca Ansede. Saavedra, Lugo, 1991

Na miña infancia non me gustaba que me preguntasen que quería ser de maior. Aínda quedaba moito para iso. Parecía que ninguén se daba conta do “aquí” e o “agora”. Eu xa era alguén: polo menos unha nena que quería gozar de ser nena.

Tiven épocas nas que me apaixonaba a astronomía, a  espeleología…pero, sobre todo, aquilo que só parecía importarlles a unhas poucas persoas, sen entender o porqué.

Unha etapa escolar na que se me definía como “traballadora e responsable” pasou a ser “rebelde e maleducada” por verme inmersa nun sistema educativo que non educaba, onde só eramos números, e o porqué dun mal día ou que escondía un “mal” exame non tiña un porqué.

Algo que marcou a miña adolescencia foi a morte do meu irmán, o meu compañeiro de vida. Algo co que aprendín a vivir e a ser forte nun fogar onde todo eran bágoas. Quizais con 15 anos non me tocaba guiar o barco, pero si era o que a miña familia necesitaba.

Conforme fun medrando o que si tiña claro é que quería axudar ás persoas. Primeiro, inclineime pola rama da saúde estudando para ser Técnica Superior en Estética Integral polas súas connotacións de saúde e benestar, máis que polo puramente belo en aparencia; porque se te sentes ben por dentro reflectirase por fóra.

Con todo, sentía que, aínda que era unha profesión que me gustaba, non me apaixonaba e, tras unha conversación cunha clienta (mestra en activo) despexei as miñas dúbidas e decidín continuar as miñas andanzas no mundo educativo polo que hoxe son mestra.

Unha vez inmersa na Facultade de Formación do Profesorado fun descubrindo, durante as prácticas escolares, que se necesitaba un cambio de paradigma no que había que dar voz á infancia. No último curso decidín ir de Erasmus +, destino Austria. Alí foi onde por primeira vez vin o uso de zapatillas na aula e a súa limpeza por parte dos propios nenos e nenas como forma de coidado e respecto do medio, así como a parella educativa como mellora na atención das necesidades individuais e exemplo de traballo en equipo.

Tras esta experiencia, aínda me quedaba unha espiña por sacar. Fíxeno ao realizar o Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza. Con iso, non podía haber mellor lugar para realizar o Practicum que en  Nenea, onde se unían dous das miñas paixóns: o amor pola natureza e o acompañamento respectuoso á infancia nun ambiente inigualable.

En efecto, hei de recoñecer que ao longo do meu camiño sempre tiven presente a unha persoa: unha profesora innovadora coa que me ilusionaba aprender cousas novas cada día de forma experimental, con proxectos… ou co mero feito de que cada clase de matemáticas fose ao mesmo tempo de xeografía, lingua, arte, historia ou actualidade. Unha profesora que coñecía a cada alumna/ou, os nosos intereses e inquietudes, os nosos costumes ou teimas.

Por todo, creo firmemente que debemos loitar por un ofrecer un espazo onde as 100 linguaxes sexan palpables; un lugar onde ninguén é xulgado e un pau é o que a túa imaxinación quere que sexa.

Ter a oportunidade de medrar nunha escola onde se reproduce o mundo real debería ser ineludible; onde non se separe por idades e esa diferenza sexa riqueza; onde a figura das nenas/vos sexa respectada; unha escola na que poder sentir os ritmos naturais e ser capaces de axustarnos ao medio do que somos hóspedes, respetando a todos os seres que habitan o planeta, sen categorías, e chegar así a ser quen de verdade somos. unha contorna sa e natural onde se respire vida e xogo en compañía de persoas marabillosas. Un lugar que me fai revivir a miña infancia e as miñas tortas de chocolate e amorodo con terra e ladrillo.

Afortunadamente, non é unha utopía. Forma parte de  Nenea, configura a vida, e é unha forma de agradecerlle á Nai Terra o que tanto nos ofrece.